Falas de min dende o silencio,
agochada no murmurar do tempo.
♣♣♣
A PRIMEIRA VEZ
Engadín a intención toda de liberdade nesta túa anatomía.
Cada perna, pé e man para moverte na firmeza do corpo,
a lingua para lamber as verbas e berralas ao ar,
os dentes, como feroces defensores do teu.
Arrolo a esperanza no meu interior,
soño con días de risos nos que o teu cabelo enrede coa chuvia
e podas enlamarte sen perder a identidade.
Porque somos as mulleres do incerto.
Somos as dadoras de vida.
Somos as que a historia agocha tra-las alfombras que pisan os Eles.
Eses eles que amamos, parimos, odiamos, salvamos e aínda así nos borran.
Ti non vas ser borrada porque de min naces e en min aconteces,
na soidade dos xogos. medras coa forza carballesca de quen non coñece o medo,
e así ser semente de esperanza, para as que como eu vivimos na cova do silencio infinito.
Ergue o teu verbo.
Pronuncíame de contado e todas nós aparecerémosche ao pé.
Ergue o teu puño.
Golpea no peito de quen oprima a túa certeza e todas nós aparecerémosche na man.
Soa na pasaxe de quen conta o que aconteceu, ponnos nome, nome de Muller.
♣♣♣
NOME DE MULLER
Cortáronme en anacos de pel,
repartindo cada parte de min entre as mans dos corruptos.
Formeinme na díficil tarefa de construirme,
de recontruir ás outras,
ás que xa non tiveron forzas para saberse lidas.
Cada unha das nosas peles é a vida toda.
♣♣♣
INFINITAS
Nova cartografia para percorrer vellos recunchos da memoria.
Quén es?
As letras conxuran o nome impronunciado,
convertido en arañeira baixo a tella.
Quén es?
As enrrugas percorren os miolos da certeza daquela existencia anterior.
Unha muller recorre os espazos baleiros.
Unha de nós,
unha das Esquecidas.
As nosas vidas forman a rede de fíos infinitos que se entretecen nos silencios,
na valentía do cotiá,
nas grandes e pequenas guerras libradas dende os fogares,
o agro,
o mar,
as paredes e os tellados,
deixando para despois as propias vidas,
os momentos inmediatos,
a pél e os órganos.
Somos as que parimos o mundo todo,
somos as que foron borradas polo mundo,
as transformadoras,
♦♦♦
Eva Méndez Doroxo Con formación en economía pola Universidade de Barcelona, especializada en Construcción, e en varias disciplinas artísticas pola Escola d’Arts La Massana e a Escola Superior de Disseny i Art La Llotja (Barcelona), é unha creadora e artista multidisciplinar.
Na escrita foi chamada a colaborar en varios proxectos colectivos dos que se destacan Pegadas (Porta Verde), Dez anos na Porta (Porta Verde),150 Cantares para Rosalía de Castro (2015), Manuel María. Libro Colectivo de Homenaxe (Deputación de Lugo, 2017) e Munditações (Incomunidade 2008–2009), así como na revista A Dorna e Xistral , entre outros.
Ten editado o poemarío As Sete Idades (Incomunidade 2007-Portugal) e Eróticas e Trazos de Muller (Libro de Artista 2009). Mención especial do xuri IV Premio Illas Sisargas co poemario A Muller Durmida.
You must be logged in to post a comment.